Friday 26 de April de 2024

Persoal técnico e político de de San Sadurniño e Moeche participa na formación do programa “O lavadoiro”


O Concello de San Sadurniño, xunto co Concello de Moeche, están levando adiante o proxecto “O lavadoiro” promovido pola Área de Igualdade da Deputación co obxectivo de propor novos enfoques que contribúan á eliminación da violencia machista. O programa presentouse a finais do mes de febreiro e neste momento xa está en marcha, tecendo rede para acadar unha participación activa da veciñanza. Algo que se quere poñer en práctica de dúas maneiras: cun grupo de mulleres “facilitadoras” que lle ofrezan apoio a outras mulleres que poidan encontrarse nesa situación e, en paralelo, fomentando que tamén haxa homes “aliados” facendo apostolado dun novo modelo de masculinidade caracterizada pola corresponsabilidade e o compromiso na loita fronte a todos os tipos de violencias exercidas contra da muller. Ademais, “O lavadoiro” tamén traballa co persoal político e técnico de ambos concellos ofrecéndolles formación centrada no reto que supón para as Administracións locais abordar a violencia machista como o problema social de primeira orde que é.

As actividades formativas dirixidas ao persoal municipal, técnico e político, e tamén a axentes doutras institucións implicadas de ambos municipios, comezaron hoxe en San Sadurniño e van prolongarse aínda varios días.

A finalidade dos temas que se están tratando da man da Cooperativa Arabías -xestora do proxecto provincial- é a de reforzar capacitación das persoas participantes á hora de abordar a violencia machista, ademais de garantir a integración transversal do principio de igualdade de xénero a nivel municipal.

No ciclo de xornadas formativas e de traballo anotáronse preto dunha vintena de persoas, na súa maior parte das áreas de Servizos Sociais, Igualdade e atención ao público, pero tamén de departamentos como os de Obras e Servizos, biblioteca, Desenvolvemento local, etc.

Na sesión deste sábado pola mañá viuse a maneira en que se reproducen as desigualdades de xénero como problema estrutural da sociedade, ademais de comentar ata que punto están enraizadas nas zonas rurais, onde quizais haxa menos servizos e maior dificultade para erradicalas.

Para a tarde queda ver en que consiste a “transversalidade” na loita contra a desigualdade e a violencia, e de que maneira se pode/debe integrar tanto nas políticas públicas como no día a día de todo o que fan os concellos como Administración.

O curso intensivo continuará os martes 24 e 31 de maio, meténdose xa máis en materia sobre a abordaxe da violencia de xénero. Así, o primeiro deses dous días, de 10 a 13:00h aprenderase a detectar os sinais indicadores -moitas veces imperceptibles- dunha situación de maltrato. O segundo martes, co mesmo horario, Arabías dará algunhas claves para saber como proceder ante esa situación, incidindo sobre todo no acompañamento que precisarán as mulleres vítimas para poder saír dela.